Sunday 05 de May de 2024

O BNG apoia á veciñanza e esixe médico para Palmeira


Os nacionalistas rexistran iniciativas no Parlamento e no Concello para garantir o dereito á saúde cunha atención presencial de calidade

O BNG apoiou hoxe as demandas da veciñanza de Palmeira para esixir que a Consellaría de Sanidade volva dotar de médico o centro de saúde da parroquia. Os nacionalistas argumentan que a situación da Atención Primaria en Ribeira empeora a pasos axigantados por mor da precariedade laboral que padece o persoal sanitario e por culpa dos recortes orzamentrios aplicados polo Goberno galego. Esta situación fai que haxa falta de profesionais, listaxes de agarda para acudir a unha cita médica e unha atención de peor calidade.

Os centros sanitarios de Palmeira e Ribeira son bos exemplos de como os recortes e a precariedade deterioran o sistema público de saúde. O centro de Palmeira leva semanas sen o único médico que o atende por mor dunha incapacidade temporal do devandito profesional, mentres que o centro médico de Ribeira está nunha situación de “colapso” absoluta pois, dun total de 14 prazas de facultativos, hai 6 sen cubrir, co agravante de que 3 prazas levan máis dun ano vacantes.

O voceiro do BNG, Luís Pérez Barral, cre que os recortes do Partido Popular están provocando graves prexuízos á poboación pois, ao non substituír o médico, as persoas maiores de Palmeira deben desprazarse ao centro de saúde de Ribeira en autobús ou en taxi, supoñendo un gasto económico, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado. Este feito supón unha sobrecarga de traballo que soborda a capacidade dos xa escasos profesionais que hai no centro ribeirense.

O dirixente nacionalista lamenta que o Goberno local estea desaparecido e calado ante un problema tan grave que lle afecta á poboación, “está claro que defenden o PP por riba dos intereses da veciñanza ribeirense”. Os membros do BNG temen que a falta de médico durante semanas sexa a antesala perfecta para o feche do consultorio palmeirense como aconteceu cos de Taragoña e Cabo de Cruz, clausurados a comezos da pandemia e que nunca máis volveron abrir. “Non imos consentir que deterioren o sistema público de saúde, imos traballar a carón dos profesionais e da veciñanza para garantir o dereito a un sistema sanitario de calidade” aseverou Barral.

Ante toda esta situación, Barral compremete o traballo do BNG para apoiar á veciñanza e rexistrou iniciativas no Parlamento e no Concello para esixir que o Goberno galego cumpra cos acordos impulsados polo Bloque en ámbalas dúas institucións, cubra o 100% das vacantes de persoal sanitario que existen e se cubran as baixas médicas e vacacións que eviten a sobrecarga da Atención Primaria.